Estatutos

CN Escualos

CAPÍTULO I: NORMAS XERAIS

 

Artigo 1º.

O Club Natación Escualos é unha asociación privada con personalidade xurídica e capacidade de obrar, integrada por persoas físicas ou xurídicas, con personalidade xurídica propia e capacidade de obrar, con domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia, que ten por obxecto primordial o fomento e impulso da práctica continuada dunha ou varias modalidades deportivas, así como a participación en actividades e competicións deportivas calquera que sexa o seu nivel e destinatario.

Artigo 2º.

O Club Natación Escualos practicará como principal modalidade deportiva a de natación, e solicitara a ratificación dos estatutos e a inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, de conformidade coa Lei do Deporte de Galicia.

O Club Natación Escualos practicará, así mesmo, tódalas modalidades deportivas relacionadas coa natación ou calquera actividade acuática e, para tal fin, funcionarán as seccións deportivas correspondentes, sen prexuízo de que a Xunta Directiva, previo acordo da Asemblea Xeral poida acordar a creación doutras.

Artigo 3º.

O domicilio social do Club Natación Escualos fíxase no Lugar de San Cristobo S/N, parroquia de Cova, concello de Carballedo, CP 27528, provincia de Lugo.

A Xunta Directiva, cando as circunstancias o aconsellen, poderá acordar o cambio do domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado do domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, será necesario un acordo maioritario da Xunta Directiva ou a Asemblea Xeral.

En ámbolos casos, o traslado de domicilio social, non implicará modificación estatutaria, e terá de ser notificado aos socios e socias e ao rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

 

 

CAPÍTULO II: CLASES DE SOCIOS/AS, ADMISIÓN, DEREITOS E OBRIGAS

 

Artigo 4º.

O número de socios/as será ilimitado. A Xunta Directiva ou a Asemblea Xeral poderá suspender, non obstante, a admisión de novos/as socios/as cando así o esixan razóns de aforo ou capacidade física das instalacións. Os/As socios/as poderán ser das seguintes clases: de número, honorarios/as, aspirantes e familiares. 

Artigo 5º.

Son socios/as de número tódalas persoas maiores de idade, que satisfagan a cota social establecida pola Asemblea Xeral. Neste caso establécese unha distinción entre socios/as federados/as, con licencia para a participación de competicións, e socios/as non federados/as. 

Os/As socios/as federados/as aboarán a cota da licenza federativa a parte da do club. Estes/as, terán dereito a tódolos servizos que veñan derivados da licenza, (seguro, participación en competicións, etc …). O Club fará as xestións pertinentes coa Federación Galega de Natación. 

Os/As socios/as non federados/as aboarán soamente a cota que estableza o club, estes/as, non poderán participar en competicións oficiais nin terán un seguro. Colaborarán e beneficiaranse das actividades que organice club. 

O club recomenda que todos os socios e socias  tramiten a licencia federativa.

Os/As menores de 18 anos, clasificaranse como socios/as aspirantes, tendo dereito ó uso das instalacións sociais mediante a cota que se fixe e pasarán automaticamente a ser socios/as de número ó cumpriren a maioría de idade. 

Serán socios/as honorarios/as aquelas persoas ás que a Asemblea Xeral confira esta distinción e terán un posto de preferencia nos actos oficiais da sociedade. Son socios/as familiares todas aquelas persoas que dependan economicamente dun/dunha socio/a de número e convivan con el/ela no mesmo domicilio.

Artigo 6º.

  1. Os/As socios/as de número teñen os seguintes dereitos:
    • Contribuír ao cumprimento dos fins específicos da Asociación.
    • Esixir que a Asociación se axuste ao disposto na normativa autonómica deportiva e ao establecido nos presentes estatutos.
    • Separarse libremente da Asociación.
    • Coñecer as actividades da Asociación e examinar a súa documentación, previa petición razoada á persoa que ostente a presidencia.
  2. Os/As socios/as de número teñen as seguintes obrigas:
    • Aboar as cotas que esixa a Xunta Directiva ou a Asemblea Xeral.
    • Contribuír ao sostemento e difusión do deporte ou modalidades deportivas.
    • Acatar cantas disposicións dite a Asemblea Xeral, a Xunta directiva ou a Presidencia, para un bo goberno da sociedade.
  3. Os/As socios/as aspirantes terán dereito a aproveitarse dos servizos e instalacións da Asociación.
  4. Os/As familiares dos/as socios/as de número terán dereito a aproveitarse daqueles servizos e instalacións que se determinen, previo pago da cota fixada.

Artigo 7º.

Para ser admitido/a como socio/a, en calquera das súas modalidades, será necesario: 

  • Ter a idade sinalada para cada unha delas. 
  • Solicitude por escrito ou polos procedemenos establecidos dirixida á Presidencia. 
  • Presentación do D.N.I 
  • Satisfacer a cota de ingreso correspondente. 

Artigo 8º.

A condición de socio/a pérdese: 

  • Por vontade propia. 
  • Por falta de pago de 3 cotas sociais, previo requirimento de pago, e consecuente resolución da Presidencia. 
  • Por acordo da Presidencia no seu caso, fundado en faltas de carácter grave, previa audiencia do/a interesado/a, que haberá de ser ratificado na primeira Asemblea Xeral que se celebre. 
  • Por calquera outra causa establecida na lexislación vixente.

 

 

CAPÍTULO III: ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN E GOBERNO 

 

Artigo 9º.

Son órganos de representación e goberno do Club, o/a Presidente/a, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Artigo 10º.

O/A Presidente/a é o órgano executivo do Club, posúe a representación legal e convoca e preside os órganos de representación e goberno executando os acordos destes.

O cargo de Presidente/a é a título gratuíto e carente de interese nos resultados económicos da explotación, por si mesmo ou a través de persoa interposta.

Será elixido/a mediante sufraxio libre, directo, ao igual e secreto entre os membros da Asemblea Xeral, cada catro anos.

Artigo 11º.

O/A Presidente/a cesará por: 

  • Transcorrer o prazo polo que foi elixido. 
  • Dimisión. 
  • Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo. 
  • Aprobación dunha moción de censura pola Asemblea Xeral. 
  • Inhabilitación por sentencia xudicial firme ou sanción deportiva. 

Artigo 12º.

  1. Como órgano complementario dos de goberno e representación poderá haber unha Xunta Directiva que actuará como órgano colexiado de xestión do Club, e exercerá as funcións que este estatuto IIe confire. 
  2. Os membros da Xunta Directiva serán designados e revocados libremente pola Presidencia, debendo dar conta diso na primeira Asemblea Xeral que se celebre. Da mesma formará parte un/unha secretario/a e un/unha tesoureiro/a. Tódolos cargos serán gratuítos e carecen de interese nos resultados económicos do Club por si mesmos ou persoa interposta. 

Artigo 13º.

  1. A Xunta Directiva quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos seus membros. En segunda convocatoria será suficiente a concorrencia, polo menos, de tres dos seus membros, e, en todo caso do/a Presidente/a. 
  2. A Xunta Directiva convocarase pola Presidencia con dous días de antelación como mínimo, á data de celebración. 

A Xunta Directiva quedará tamén validamente constituída, cando estean presentes tódolos seus membros, aínda que non houbera mediado convocatoria previa. 

  1. En especial corresponde á Xunta Directiva: 

Dirixir a xestión do Club, velado polo cumprimento do seu obxecto social. Formular o inventario, memoria e presuposto anual, que se someterá a aprobación da Asemblea. Aplicar tódalas medidas deportivas, económicas e administrativas precisas para o fomento e desenvolvemento do deporte dentro do Club. 

Artigo 14º.

A Secretaría da Xunta Directiva coidará do arquivo da documentación, redactará cantos documentos afecten á marcha administrativa da Asociación e levará os Libros de Rexistro de Socios/as e o Libro de Actas.

Artigo 15º.

  1. A Tesourería da xunta Directiva será a depositaria da Asociación, asinará os recibos, autorizará os pagos e levará os Libros de Contabilidade.
  2. Será obriga da Tesourería, formalizar, durante o primeiro mes de cada ano, un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, que se porán en coñecemento das persoas asociadas.

Artigo 16º.

A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno do Club e estará integrada por todólos/as socios/as de número.

As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a elas a maioría das persoas asociadas. En segunda e última convocatoria, media hora máis tarde, quedará constituída calquera que sexa o número de membros presentes. Entre a data de convocatoria e o día sinalado para a súa celebración, terán de mediar, como mínimo dez días naturais e non poderán transcorrer máis de vinte.

A Asemblea Xeral convocarase pola Presidencia a iniciativa propia ou do vinte e cinco por cento, polo menos, dos/as socios/as de número.

Artigo 17º.

  1. A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario, previa convocatoria da Presidencia, polo menos, unha vez ao ano para tratar as seguintes cuestións: 

  • Memoria, liquidación do presuposto, balance do exercicio, rendición de contas e aprobación se procede. 
  • Presuposto para o seguinte exercicio. 
  • Proxecto e propostas da Presidencia ou da Xunta Directiva. 
  • Proposicións que formulen os/as socios/as e que terán que ir asinadas polo menos, polo cinco por cento dos/as mesmos/as. 

2.- Terá que celebrarse Asemblea Xeral extraordinaria para a modificación de Estatutos, elección do/a Presidente/a, toma de cartos a préstamo, emisión de títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, transmisión de bens inmobles e fixación de cotas das persoas asociadas, e calquera outro acordo previsto nestes estatutos ou que se estime oportuno pola Presidencia ou proceda legalmente. 

Artigo 18º.

Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple dos/as presentes, requiríndose unha maioría cualificada e un quórum determinado de asistencia para aqueles asuntos que establezan os estatutos. Serán vinculantes e de obrigado cumprimento e terán forza executiva a partir da data da súa adopción, sen prexuízo, por razón da materia, da posibilidade da súa impugnación perante os órganos competentes e da Federación Galega deportiva da modalidade ou perante o Comité Galego de xustiza Deportiva.

 

 

CAPÍTULO IV: RÉXIME DOCUMENTAL

 

Artigo 19º.

O réxime documental do Club, constará dos seguintes libros: Rexistro de Socios, de Actas e Contables. 

Artigo 20º. 

No libro de Rexistro de Socios, terán de constar os nomes e apelidos dos/as socios/as de número, o seu Documento Nacional de Identidade e, no seu caso, os cargos de representación, goberno e administración que exerzan no Club. Tamén hanse de especificar as datas de altas e baixas, e as de toma de posesión e cese nos cargos aludidos. 

Artigo 21º. 

No libro de Actas, consignaranse as reunións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, con expresión da data, persoas asistentes, asuntos tratados e acordos adoptados. As Actas terán de estar asinadas, en todo caso, polo/a Presidente/a e o/a Secretario/a.

Artigo 22º.

Nos Libros de Contabilidade figurarán tanto o patrimonio como os dereitos e obrigacións, e ingresos e gastos do Club, debéndose precisar a procedencia daqueles e a inversión ou destino destes. 

 

 

CAPÍTULO V: RÉXIME DISCIPLINARIO

 

Artigo 23º. 

Os órganos e socios do Club estarán sometidos ó regulamento disciplinario do Club e ó disposto no Título VII da Lei 3/2012, do Deporte de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. 

Artigo 24º. 

O Club responderá das súas obrigas con todos os seus bens presentes e futuros. 

Artigo 25º. 

Así mesmo o/a Presidente/a e os membros da Xunta Directiva responderán fronte a terceiros dos prexuízos que ocasionaran por culpa ou neglixencia grave, de conforme á regulamentación propia do Club e o Ordenamento Xurídico vixente.

 

 

CAPÍTULO VI: RÉXIME ECONÓMICO-FINANCEIRO E PATRIMONIAL

 

Artigo 26º.

O Club de Natación Escualos someterase ao réxime de presuposto e patrimonio propio, coas seguintes limitacións: 

  • As achegas económicas dos/as socios/as, que aprobe a Xunta Directiva. 
  • As doazóns e subvencións que reciba 
  • Os resultados económicos que poden producir as manifestacións físico-deportivas que organice a entidade. 
  • As rendas, froitos e intereses do seu patrimonio. 

Queda expresamente excluído como fin do Club o ánimo de lucro e a totalidade de seus ingresos e beneficios aplicaranse ao cumprimento dos seus fins sociais.

Artigo 27º.

O Club poderá gravar e allear bens, mobles e inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos transmisibles representativos de débeda ou parte alícuota patrimonial, sempre que cumpra os seguintes requisitos: 

  • Que se autoricen tais operacións por maioría de dous terzos dos/as socios/as presentes ou representados/as na Asemblea Xeral Extraordinaria. 
  • Que ditos actos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da Entidade ou a actividade físico-deportiva que constitúa o seu obxecto social. Para a adecuada xustificación deste extremo se poderá esixir, sempre que o soliciten como mínimo o cinco por cento dos socios de número, o oportuno ditame económico- actuarial. 
  • Cando se trate de gravar ou allear bens, mobles e inmobles que foran financiados en todo ou parte, con Fondos Públicos da Comunidade Autónoma será preceptiva a autorización previa do órgano competente da Xunta de Galicia. 

Artigo 28º.

O Club poderá emitir títulos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, nominativos. Os títulos inscribiranse nun libro que levará ao efecto o Club, no que se anotarán as sucesivas transferencias. 

En tódolos títulos constará o valor nominal, a data de emisión, e, no seu caso, o interese e prazo de amortización. 

Artigo 29º.

Os títulos de débeda só poderán subscribirse polas persoas asociadas, e a súa posesión non conferirá dereito algún especial a estas, agás a percepción dos intereses establecidos conforme á lexislación vixente. 

Artigo 30º.

Os títulos de parte alícuota patrimonial han de ser asemade, subscritos polas persoas asociadas. En ningún caso estes títulos darán dereito á percepción de dividendos ou beneficios. 

Artigo 31º.

Os títulos de débeda e parte alícuota patrimonial serán transferidos unicamente entre as persoas que teñan a condición de socias.

 

 

CAPÍTULO VII: REFORMA DOS ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DO CLUB  

 

Artigo 32º.

Os presentes Estatutos só poderán modificarse, reformarse ou derogarse, por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada a tal efecto, mediante votación favorable dos dous terzos dos/as socios/as de entre o de número asistentes. 

A reforma destes estatutos seguirá, con respecto ao Rexistro Entidades Deportivas de Galicia, os mesmos trámites administrativos que para a súa inscrición. 

Artigo 33º.

O Club extinguirase ou disolverase por acordo de: 

  • Dos dous terzos dos socios en Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada ao efecto. 
  • Por sentencia xudicial. 
  • Por outras causas legalmente determinadas. 

En todo caso haberá de ser notificado ao Rexistro de Entidades Deportivas.

Artigo 34º.

Disolto o Club, o remanente do seu patrimonio social, se o houbera, aplicarase a fins análogas de carácter deportivo. Ben por acordo previo da Asemblea Xeral ou subsidiariamente polo órgano competente en materia de deporte da Xunta de Galicia.

Esta páxina utiliza cookies para mellorar a experiencia do usuario. Para continuar neste sitio web, debes aceptar a nosa Política de privacidade e uso de cookies